sábado, 31 de enero de 2015

Unha nova nave para a Estación Espacial



O 16 de outubro de 2014, o Centro para o Avance da Ciencia no Espazo (CASIS) anunciou o acordo de cooperación entre a NASA e a empresa Intuitive Machines para desenvolver unha nova nave espacial: o TRV, ou Vehículo de Retorno Terrestre, que terá por misión transportar á Terra mostras científicas procedentes de experimentos que se realizan a bordo da Estación Espacial Internacional (ISS).


A ISS é un laboratorio científico dunhas 420 toneladas, do tamaño dun campo de fútbol, que orbita arredor da Terra a unha velocidade duns 7,6 km/s (case 27.500 km/h), a unha 
altura duns 400 km. A bordo deste laboratorio, no que participan as axencias espaciais de EUA, Canadá, Europa, Rusia e Xapón, leváronse a cabo ata marzo de 2014 un total de 1.651 investigacións, definidas estas como o conxunto de actividades deseñadas para probar unha hipótese ou conxunto de hipóteses científicas relacionadas, ou para probar un conxunto de obxectivos tecnolóxicos relacionados.



As distintas actividades de investigación a bordo da ISS repártense entre as áreas de desenvolvemento de tecnoloxía (especialmente a requirida para a realización de misións humanas de longa duración), bioloxía e biotecnoloxía, ciencias da Terra e do espazo, física e ciencia dos materiais, e investigación sobre a saúde humana.
O TRV será enviado á ISS nunha nave de carga comercial como a cápsula Dragon de SpaceX e permanecerá almacenada alí ata que sexa utilizada. Cando chegue ese momento, os astronautas da estación introducirán nela as mostras científicas pertinentes e a nave será emprazada nun compartimento do Módulo de Experimentación Xaponés de onde será extraida polo brazo robot dese módulo para ser posteriormente eyectada ao espazo.

1 comentario:

  1. Moi interesante o artigo e as ligazóns.
    Procura que se abran nunha nova ventá para non saír do artigo.
    Segue así!

    ResponderEliminar